Un bolígrafo 3D trunfa en Kickstarter

mércores, 20 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Nos últimos meses as impresoras 3D gañaron certa visibilidade, converténdose nunha tecnoloxía na que se está a depositar moita confianza, o que levou a unha compañía norteamericana a propor unha orixinal alternativa máis artesanal: o 3Doodler, o primeiro bolígrafo 3D do mundo. Trátase dun dispositivo con forma de bolígrafo que proxecta plástico ABS (o mesmo utilizado polas impresoras 3D) para permitir debuxar obxectos tridimensionais no aire ou en superficies, sen precisar de ordenador e software.
Esta ferramenta podería servir para realizar sinxelos modelos 3D, adornos e xoias, personalizar obxectos de uso diario e moitos outros usos creativos que, para facerse realidade, busca financiamento a través de Kickstarter, sorprendendo ao completar o seu obxectivo inicial de 30.000 dólares en poucas horas (estando xa preto do medio millón de dólares), quedando aínda 32 días para que remate a campaña de crowdfunding, polo que é de agardar que sexa un dos novos proxectos de referencia nesta plataforma de financiamento masivo.
O 3Doodler medirá 180 x 24 milímetros, pesará máis de 200 gramos, funcionará cun adaptador de corrente, emprega plástico cun grosor de 3 milímetros para debuxar e os que queiran facerse cunha unidade, xunto cun par de bolsas de plástico de distintas cores que recibiría probablemente no mes de novembro, deberán pagar 85 dólares (63,31 euros, portes incluídos).

Co 3Doodler é posible debuxar con plástico no aire


Vídeo de presentación do 3Doodler

PUBLICIDADE