Un ano de SDG Group en Galicia

martes, 28 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

Antonio Torrado é o director da área de Big Data & Advanced Analytics de SDG Group, compañía que hai poucos meses inaugurou no barrio de Santa Marta en Santiago de Compostela un Centro de Excelencia, no que contan cun grupo de traballo integrado por diferentes perfís profesionais que traballan para clientes nacionais e internacionais, e con quen quixemos comentar a chegada da súa compañía á nosa terra.

– En que ámbitos da informática centra o seu traballo SDG Group?
– Pois SDG Group é unha compañía que ten agora 28 anos, centrada dende a fundación da compañía nunha área específica, un elemento estratéxico da compañía, estar dedicado a ese ámbito da intelixencia de negocio, dos datos, da analítica dos datos, do Big Data, da Intelixencia artificial. Todos estes termos para significar o que é o negocio ou a industria ou as disciplinas dos datos no mundo das empresas, foron cambiando de nomes, de foco, pero en esencia forman parte destas disciplinas, ese coñecemento, de extraer algún tipo de valor, a partir dos datos que esa é a área, que é unha área que ten moito que ver coa tecnoloxía e coa informática, pero que ten tamén outras disciplinas, como por exemplo o entendemento dos problemas de negocio, dos ámbitos funcionais ou dos dominios de negocio aos que hai que dar resposta a partir dos datos que anden por aí.

– Na inauguración da sede compostelá asegurouse que a intención era a de superar o cento de perfís tecnolóxicos altamente cualificados, prevendo un investimento superior aos 5 millóns de euros en 3 anos. Como está sendo este desembarco galego? Hai dificultades para a captación de talento?
– Pois a verdade é que cústame dicir que está indo moito mellor do esperado porque tiña a expectativa de que a cousa ía ir moi ben. porque non foi unha decisión sen pensala, foi unha decisión con rede. Tanto eu como a compañía eramos coñecedores da profundidade, da capacidade que tiña Galicia para aportar o talento que estamos a necesitar. Obviamente había que facer as cousas ben. Ser crible, que a xente que vén estea a gusto co seu desenvolvemento profesional para ter elementos reputacionais nos que producir unha certa aceleración.
A realidade é que abrimos as portas formalmente en decembro de 2021. Para a inauguración oficial queriamos ter unha mínima base de persoas na casa para facer un acto máis aberto ao público. Tivo a xentileza de achegarse por aquí e presidir o acto de inauguración o vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia naquel momento, como tamén a corporación local do Concello de Santiago. Fíxose esta inauguración no mes de xullo, pero realmente levamos un ano desde o noso arranque e xa superamos esa cifra de cen profesionais. En xaneiro esperamos ter outras 10-15 persoas. Mes a mes estamos incorporando 10-20 persoas á compañía. Facemos, obviamente, un esforzo por saír aí fóra, ás universidades, e recrutar de maneira constante, 300-400 persoas en procesos de entrevista e de avaliación mutua. É un proceso que coidamos moito, porque a disciplina e a profesión é de esixencia, polas distintas dimensións que ten.
En resposta á pregunta está superada esa expectativa. Iso non quere dicir que xa terminamos. A idea da compañía, e a miña tamén liderando este proxecto, é que sigamos esa senda de crecemento os vindeiros anos, porque na compañía SDG Galicia é un piar estratéxico. Galicia é unha desas áreas foco na que temos un desenvolvemento grande da capacidade compañía que fundamentalmente é unha capacidade profesional. Non facemos practicamente nada que non poida facerse sen o concurso de profesionais. Son servizos profesionais en esencia. Precisamos talento que perdure no tempo, a longo prazo, por iso estamos buscando profesionais de longo percorrido, con condicións de emprego de longo percorrido.

– Tras saír dunha complexa situación sociosanitaria, como están a encarar a figura do teletraballo á hora de organizar unha nova sede?
– O modelo de traballo que temos hoxe en día é que cada persoa en SDG elixe o formato, a total vontade, e se quere vir e seguir estar na oficina, e ter un contrato laboral adscrito a oficina, ou en remoto. Por suposto, moita xente quere ter a flexibilidade de remoto e ir á oficina cando considera oportuno.
En Galicia tiven moi claro dende o principio que non queriamos facer un proxecto de Santiago, ou un proxecto da Coruña, ou un proxecto de Vigo, un proxecto de Ourense, senón que o que queriamos facer é un proxecto de Galicia, porque realmente estabamos buscando o mellor talento posible, ganándonos, obviamente, esa posibilidade de que ese talento quixera estar aquí (canto mellor é o talento máis esixente tamén) e para iso non quería pór un horizonte dos que vivan preto de Santiago porque van a estar vindo á oficina a tódolos días. Quería que os mellores profesionais do data puideran estar connosco alí onde vivira. De feito teño aquí un mapa moi bonito, feito en madeira, dos concellos de Galicia. E poñemos unha chincheta nos lugares de onde é a xente. É un mapa absolutamente distribuído, explotado, é dicir, hai chinchetas onde está a poboación de Galicia: hai menos en Lugo, menos en Ourense, porque hai menos poboación, pero o que hai é unha distribución da forza de traballo.

– A apertura do Centro de Excelencia en Compostela, atende á colaboración coas universidades galegas ou a relacións con empresas e administracións da nosa comunidade autónoma?
– Fixen unha certa prospección, aínda que xa tiña certa relación profesional no pasado (estudei en Físicas en Santiago hai moitos anos e coñecía as universidades de aquí, a persoas que están en cargos de relevancia... Si que fixen unha prospección. Falei cos reitores das tres universidades, entenderon onde nos iamos situar. A razón de por que nos situamos en Santiago, fundamentalmente é a compoñente xeoestratéxica. É un sitio que está no medio de Galicia. Se a nosa intención é cubrir Galicia, mellor estar nun sitio que lle veña ben aos da Coruña, aos de Vigo, aos de Santiago, obviamente. Era un sitio convinte desde esa perspectiva, moi de intendencia. Non atendía a nada a máis profundo.
Por suposto que a realidade tamén de Santiago é que ten un tecido importante desde o punto de vista da Universidade. Nós nutrímonos moitísimo de físicos, de matemáticos, de enxeñeiros en Informática e dos mestrados de Big Data que hai aquí en Santiago.
Tamén temos unha chegada bastante recorrente de titulados que veñen de Coruña, e o mesmo acontece con Vigo. Xa en xaneiro e febreiro do ano pasado estivemos na Feira de Emprego que teñen alí, empezaron a chegar os primeiros enxeñeiros do ecosistema de Vigo.
Entón empezamos a labrar de maneira indistinta a todas esas relacións. Agora mesmo haberá uns catorce ou quince acordos firmados con todas as universidades de Galicia.

– Que tipos de traballos está a desenvolver actualmente SDG Group en Galicia?
– En Galicia agora mesmo estamos preto de cen profesionais e non minto se digo que o 98% deles non están a traballar en ningún proxecto que estea ligado a e clientes de Galicia. Traballan en proxectos e SDG a nivel global. De feito, en Galicia estamos a nutrir a equipos especificamente de proxectos globais. Tamén temos proxectos a grande empresa española (retail, telco...), que en xeral non son de Galicia.
En Galicia agora mesmo hai catro grandes empresas/organizacións coas que estamos a traballar. Todos eses proxectos non se están a facer dende aquí agás algunha persoa puntual moi especializada. Simplemente temos profesionais do mundo dos datos que traballan dunha forma moi deslocalizada.

– O Big Data abre a porta a moitas posibilidades que até o momento parecían limitadas a grandes corporacións. Segundo vai madurando esta tecnoloxía podemos entender que chegará a negocios de practicamente calquera escala?
–Seguro que si. Nos últimos dez anos houbo unha democratización moi grande de moitas das tecnoloxías. Comprar un cluster de Big Data dalgún dos sabores existentes hai cinco a dez anos era absolutamente inviable para empresas que non foran grandes empresas e a partir de un certo volume. Estamos falando de tamaños de empresa con máis de mil millóns de euros en ingresos para ter esa capacidade de investimento. Coa chegada da nube, cos modelos de software, cos modelos baixo consumo ou de subscrición, coa irrupción do open source no territorio de datos, que foi realmente a grande onda bigdatera como alternativa a esas grandes bases de datos tradicionais que era custosísimas (en software e hardware). Esa chegada, tanto do open software como da evolución cara a nube, xa baixou esa barreira de entrada.

PUBLICIDADE