Un 116% máis de usuarios galegos tiraron partido este Nadal de BlaBlaCar

luns, 4 de xaneiro do 2016 Redacción

Blablacar fixo reconto este Nadal dos usuarios que lles tiran partido aos seus servizos durante este período festivo (por comunidades). Segundo fan saber os responsábeis desta plataforma dirixida a facilitar o uso do transporte compartido, un 116% máis de usuarios galegos empregárona durante estas festas. Jaime Rodríguez, de BlaBlaCar en España e Portugal, explicou que as persoas que tiran proveito da comunidade de viaxeiros son moitas e variadas, dende demandantes de emprego até traballadores de todos os sectores, novos, adultos, mozas e mozos, “cada vez o perfil do usuario de BlaBlaCar é máis heteroxéneo”. Arestora o servizo conta con 125.000 usuarios galegos, que xa deixaron atrás a liña dos 62 millóns de quilómetros compartidos.
En total, a rede social de viaxeiros “alternativos” (viaxeiros que optimizan e ocupan prazas de vehículos que doutro xeito ficarían baleiras) conta con 20 millóns de integrantes. Segundo engaden os responsábeis do servizo a conto destas festas, “en todas as comunidades autónomas detectouse un crecemento mínimo do 8% e de até o 210% de usuarios que volveron á súa casa nestas datas con BlaBlaCar”. A provincia galega na que máis se incrementou o número de usuarios que contactaron a través da rede social nestas de Nadal foi Ourense (140%), seguida moi de preto pola Coruña (138%) e Lugo.

PUBLICIDADE