Últimos días para solicitarmos o apoio competitivo dos programas Innovapeme e Deseñapeme de GAIN

martes, 8 de agosto do 2023 S. P.

O vindeiro luns, 14 de agosto, pecha a convocatoria conxunta dos programas de axuda InnovaPeme e DeseñaPeme da Axencia Galega de Innovación (GAIN), que perseguen impulsar a innovación e o deseño nas pequenas e medianas empresas galegas cun orzamento de 4,5 millóns de euros.
Nesta edición convócanse conxuntamente ambos os dous programas para “dar resposta ás necesidades das pemes”, especialmente “aquelas menos innovadoras de sectores máis tradicionais”, abranguendo dous tipos de plans: plans de deseño que inciden no deseño de produto, de servizos e experiencias ou de marca e identidade corporativa e plans de innovación centrados en actividades, procesos ou en organización.
O obxectivo é apoiar 60 plans de deseño e innovación cunha intensidade da axuda do 50%, conseguindo así unha mobilización de 9 millóns de euros. Entre as novidades, inclúense como beneficiarias as entidades do terceiro sector social sen ánimo de lucro así como as empresas TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), fináncianse os custos indirectos e incorpórase como requisito realizar actividades de difusión para chegar mellor á sociedade e servir de exemplo para outras compañías.
O orzamento subvencionábel deberá estar entre os 50.000 e os 150.000 euros por cada plan, de xeito que unha mesma peme que se presente ás dúas convocatorias poderá investir ata 300.000 euros. As axudas outorgaranse mediante o procedemento de concorrencia competitiva.
En palabras de GAIN, estes programas teñen por obxectivo “promover unha cultura de innovación continua e sistemática nas pemes galegas, incrementar o número de empresas que teñen a consideración de innovadoras, aumentar a súa competitividade, potenciar a colaboración das pequenas e medianas compañías co resto de axentes do ecosistema, favorecer a comercialización de resultados da I+D+i, incluír paulatinamente a innovación de procesos e organización no tecido empresarial galego e aumentar o seu gasto en I+D e actividades innovadoras”.
Desde a súa posta en marcha, estes programas permitiron impulsar 246 actuacións cun investimento público-privado próximo aos 40 millóns de euros.

PUBLICIDADE