Últimos días para presentar candidaturas aos Premios EGANET 2012

xoves, 10 de xaneiro do 2013 Redacción

Empresas, profesionais, asociacións, organizacións empresariais, ONG, entes públicos e calquera outro organismo con sede social en Galicia (ou, de non tela, que amosen unha clara relación coa cultura, lingua ou sociedade galegas) poderán presentar os seus proxectos no campo das tecnoloxías da información e as comunicacións aos Premios EGANET 2012, que este ano celebran a súa novena edición como un xeito de por en valor as iniciativa desenvolvidas no ámbito no que opera EGANET, a primeira asociación TIC galega que leva 12 anos aglutinando a empresas de Internet, comunicación interactiva, consultoría tecnolóxica, integración de sistemas, desenvolvemento de software e áreas de negocio asociadas.
O prazo de presentación remata o vindeiro martes día 15 de xaneiro, e até o día de hoxe presentáronse 181 candidaturas de 68 entidades.
Para o Premio Especial EGANET non se reciben candidaturas xa que é a propia asociación a que decide outorgarllo ao proxecto, entidade ou personalidade galega que desde a última edición dos galardóns máis se esforzase en dar a coñecer e impulsar a realidade galega no contorno Internet e, deste xeito, contribuíse a promocionar as novas tecnoloxías en Galicia.
Os finalistas daranse a coñecer en datas previas á Gala que se celebrará o día 1 de febreiro en Santiago de Compostela.

PUBLICIDADE