Ultímanse os preparativos do I Foro Galego de Cloud, a celebrar o xoves

martes, 18 de maio do 2010 Raquel Noya

O vindeiro xoves, 20 de maio, o Centro de Novas Tecnoloxías de Santiago de Compostela vai dar acollida ao I Foro Galego de Cloud, un evento tecnolóxico que, lonxe de ser un mero lugar de encontro entre empresarios e distribuidores, pretende converterse nun punto de referencia en España no que se darán cita distintas administracións e empresas preocupadas pola innovación tecnolóxica.
O Foro ten como principal obxectivo difundir coñecemento do redor do cloud computing e da virtualización, e para iso contará co apoio da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellaría de Traballo e Benestar, así como da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación tecnolóxica da Xunta de Galicia.
Cabe destacar asemade a colaboración de INEO, a Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación e referente do sector TIC en Galicia, que aporta a súa experiencia en torno á innovación tecnolóxica e á virtualización.
Asemade, o acto conta co patrocinio de fabricantes multinacionais líderes en estratexias cloud da talla de Citrix, Fujitsu, Microsoft, NetApp, VMware, o operador de cable R e consultores expertos en Tecnoloxías da Información e a Comunicación.
O evento, que se vai dividir en dúas sesións, unha teórica e outra práctica, serviralle ás persoas asistentes para coñecer de primeira man a importancia estratéxica do Cloud Computing así como as alternativas que permite a Virtualización para afrontar proxectos de natureza tecnolóxica e tamén empresarial.
Segundo palabras de Ramón Ares, director xeral de Ozona Consulting, a empresa organizadora do Foro Cloud, “o Cloud Computing é un modelo de computación flexible que permite a xestión de recursos de TI como servizos a través de Internet. Este modelo ofrece flexibilidade, escalabilidade e aforro de custes ás organizacións que o adoptan”.

PUBLICIDADE