Ubuntu quere dotar aos móbiles do corazón dun PC

mércores, 2 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Canonical presenta hoxe unha proposta para levar o sistema operativo Ubuntu a smartphones en 2014, no que sería Ubuntu Phone OS, que baseado no mesmo kernel que Android (utilizando os seus controladores) e compatible con procesador x86 e ARM buscaría converter o móbil nun ordenador completo (prestación da que seríamos realmente conscientes se colocamos o móbil nunha base que facilite a súa conexión a un monitor, un teclado e un rato), apostando por aplicacións nativas (afastándose da capa Java de Android) e permitindo tamén o desenvolvemento de aplicacións en HTML5.

Os móbiles con Ubuntu Phone OS poderanse empregar como ordenadores completos

Este proxecto de Ubuntu estaría destinado a funcionar en smartphones que contasen como mínimo cun procesador Cortex A9 a 1 GHz, con 512 Mb de RAM e 4 Gb de almacenamento interno e pantalla multitáctil, mentres que para poder gozar de todas as súas prestacións (facilitando a converxencia entre PC e móbil) debería contar cun procesador A9 de catro núcleos ou un Intel Atom, un mínimo de 1 Gb de RAM e 32 Gb de almacenamento interno.
Queda agora agardar a ver como se vai desenvolvendo esta nova plataforma móbil e cal será a súa aceptación entre programadores, fabricantes de teléfonos móbiles e usuarios, pois o actual mercado móbil é excesivamente competitivo e outras plataformas semellantes (como MeeGo, Symbian ou Bada) practicamente tiveron que tirar a toalla.


Vídeo de presentación de Ubuntu Phone OS

PUBLICIDADE