UberX comeza a operar na Coruña

venres, 26 de xullo do 2019 Marcus Fernández

Ao remate de 2018 chegou Cabify á cidade da Coruña, iniciando o desembarco galego de compañías de aluguer de vehículos con condutor (VTC) centradas en aplicacións móbiles, que agora continúa con Uber, compañía que esta mesma semana iniciou a súa actividade na baía de Cádiz, Xerez e A Coruña, destacando que neste último caso que a cobertura do servizo chega até Arteixo (no que semella un claro aceno a Inditex).
O servizo que chega a Galicia é UberX, que consiste en viaxes con condutor profesional contratados dende unha aplicación móbil con prezo pechado, achegando de antemán datos como o tempo de espera para a recollida e os datos do vehículo e o condutor que subministrará o servizo.
Dende Uber aseguran confiar en «poder ampliar pouco a pouco» o seu radio de acción polo resto de Galicia. Tamén recoñecen estar interesados en introducir outros servizos diferentes a UberX, que chegan até o aluguer de bicicletas e patinetes, de xeito que achegan unha ampla oferta de solucións de transporte urbano.

PUBLICIDADE