Uber volverá a operar en España en breve

luns, 28 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Esta mañá Uber anunciou a través de Twitter o seu regreso a Madrid, ou sexa, que tras unha breve ausencia retoman a súa actividade en España, aínda que non co formato anterior (UberPOP), senón cun servizo máis profesional (UberX) de xeito que en vez de basearse en condutores particulares, empregaría condutores con licenza VTC, ou sexa, autorizados para o transporte de pasaxeiros, na liña do que fai actualmente Cabify.
Temos así que posiblemente a polémica con Uber non rematará en España, xa que Cabify tamén está no punto de mira dos profesionais do taxi, que o ano pasado fracasaron ao pretender o peche cautelar de Cabify. Aínda que hai moitas dúbidas sobre a legalidade dos novos servizos de aluguer de vehículo con condutor baseados en aplicacións móbiles, polo momento carecen de resolucións xudiciais na súa contra, situación que facilitará o retorno de Uber, aínda que cunha flexibilidade inferior ao da fórmula anterior do servizo.
Actualmente Uber está a recrutar choferes para o seu servizo, aos que achegaría clientes a cambio dunha comisión do 30% (os pagamentos das viaxes realízanse a través da aplicación móbil), tendo os condutores que facerse cargo dos gastos (vehículo, seguro, mantemento...) o que moitos xa están a ver como unha alternativa desleal ao taxi, que dadas as elevadas comisións de Uber poderían dificultar a sustentabilidade económica dun negocio cada día máis feble. De feito, a Federación Profesional do Taxi de Madrid (FPTM) xa manifestaron a súa intención de levar a Uber ante os tribunais se ven que operan dun xeito semellante ao de Cabify.

PUBLICIDADE