Uber cesa temporalmente as súas actividades en España

mércores, 31 de decembro do 2014 Marcus Fernández

O pasado venres os operadores de telecomunicacións recibían a orde xudicial para bloquear o acceso a Uber en España, medida pouco efectiva que a propia compañía foi quen de sortear actualizando a súa aplicación para Android, xa que non foran notificados de ningún xeito polas autoridades polo que non tiñan obriga de cesar as súas actividades, pero finalmente a plataforma para compartir coches entre particulares uberPOP deixa temporalmente de operar por recibiren onte a notificación formal a orde do Xulgado do Mercantil de Madrid.
Esta actuación está comprendida nunhas medidas cautelares tras unha denuncia da Asociación Madrileña do Taxi por competencia desleal, que Uber espera recorrer en breve mentres avalían novas opcións para dar aos españois acceso a viaxes seguras e cómodas.
Dende Uber tamén aseguran que colaborarán cos políticos españois para desenvolver un novo e necesario marco regulatorio para crear un espazo xusto para Uber e a economía colaborativa. A compañía tamén lembra que a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) considera que as limitacións actuais ao transporte, que restrinxe a entrada de novos axentes ao mercado en prexuízo dos consumidores, son contrarias á competencia, polo que sería preciso adaptar a lexislación á realidade.
Para dar visibilidade a esta situación, Uber convida á súa comunidade de usuarios a mobilizarse a través de Twitter chiando co cancelo #YoApoyoUber, etiqueta que tamén aproveitará a compañía para escoitar os comentarios do público.

PUBLICIDADE