UCGAL estima que a cifra de afectados pola vaga de phishing bancario na nosa terra rolda o centenar

venres, 1 de outubro do 2021 S. P.

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) convocou esta semana en Santiago (no edificio CERSIA) unha reunión informativa coas persoas que se viron afectadas na nosa terra pola recente vaga de phishing bancario (suplantación fraudulenta de identidades) materializadas a través de diferentes canles tecnolóxicas. Na reunión participaron máis de 60 persoas, ás que suman outras trinta que contactaron directamente coa asociación.
Un dos obxectivos desta xuntanza foi achegar unha aproximación conxunta da magnitude desta problemática tanto en relación co número de posíbeis afectados como nos importes subtraídos, e desde Unión de Consumidores de Galicia aproveitaron a ocasión para afirmar que “as previsións feitas con anterioridade quedaban bastante curtas”. Segundo as estimacións da organización, o número de afectados supera sen dúbida o centenar e os importes subtraídos achéganse ao millón de euros.
A maior parte das persoas asistentes amosaron a súa vontade de permitir que a Unión de Consumidores de Galicia as represente nun proceso de negociación coas entidades financeiras na procura dunha solución extraxudicial. Non obstante isto a organización considera que “esa negociación debe ser moi breve xa que logo o que está en xogo é o diñeiro das vítimas e Unión de Consumidores de Galicia non contribuirá a retrasar o inicio das accións de natureza xudicial nas que xa traballa e da cuxa viabilidade non dubida se atendemos a distintas resolucións xudiciais sobre esta materia, como é o caso do pronunciamento da Audiencia Provincial de Pontevedra contra Abanca o pasado mes de abril”.
O secretario Xeral da organización, Miguel López Crespo, anunciou aos asistentes que viña de solicitar unha xuntanza co delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, a quen lle trasladará a importancia do traballo que desenvolven as forzas e corpos de seguridade nas investigacións destes fraudes, “en aras a determinar a existencia de debilidades ou vulnerabilidades dos sistemas e protocolos dos servizos de banca electrónica e banca móbil das entidades financeiras”.

PUBLICIDADE