Twitter suspende contas de xornalistas, bloquea ligazóns a Mastodon e pecha temporalmente os Espazos

venres, 16 de decembro do 2022 Marcus Fernández

Twitter está a suspender contas de xornalistas que informaban sobre Elon Musk

A polémica suscitada en Twitter por mor da suspensión da conta que facía un seguimento do avión privado de Elon Musk desencadeou a que parece ser a peor crise de reputación que tivo nunca a compañía, xa que, amparándose no cambio das normas de Twitter (que non foi notificado aos usuarios de ningún xeito e segue sen aparecer na versión en español das normas) traduciuse na suspensión das contas de numerosos xornalistas que estaban a facer un seguimento do tema e que simplemente explicaban o que estaba a acontecer, á vez que tamén advertían de que o seguimento do avión de Musk mantíñase en numerosas fontes públicas.
Os xornalistas afectados denuncian que non recibiron ningún aviso nin explicación sobre o acontecido, polo que seguen sen ter unha explicación do motivo polo que se suspenderon as súas contas de usuario, e precisamente un dos afectados pediu explicacións a Musk nunha transmisión en directo en Twitter Spaces na que participaba o dono de Twitter, quen reaccionou do xeito máis mesquiño posible: abandonando a conversa. A cousa non quedou aí, senón que acto seguido todo o servizo de Twitter Spaces deixou de estar dispoñible, o que percibiuse claramente como un acto de censura ao máis puro estilo dos estados islámicos. Sen recoñecer a reacción infantil ante a oposición ao seu xeito de proceder sen precedente en plataformas sociais en estados democráticos, Musk asegura que a desaparición de Twitter Spaces responde a unha parada para arranxar un vello fallo. En calquera caso, a perrencha de Musk continúa a estar visible en liña, xa que consérvanse gravacións do Espazo no que participou, e replicouse en YouTube.
Non queda aí a cousa, senón que hai usuarios denunciando que non poden publicar ligazóns a contas sobre o avión de Musk noutras redes sociais, chegando esta política de Twitter a un nivel extremo: suspendeuse a conta de Mastodon e identificáronse as ligazóns a esta plataforma sociais como perigosas para que ninguén poida publicalas. Neste caso non só estariamos ante un acto que podería definirse como censor, senón que podería ser unha práctica anticompetitiva que vulneraría a lei e que as normas de Twitter non xustifica de ningún xeito.
Sobre o detonante de toda esta polémica tamén resulta extrardinariamente absurdo que Musk estea a utilizar como coartada que un coche acosou ao coche que transportaba ao seu fillo, chegando incluso a publicar un vídeo no que pode verse a matrícula do vehículo (algo que debería ter comunicado á Policía e non publicar abertamente incumprindo as normas de Twitter), asegurando que vai emprender medidas legais contra o estudante que programou o bot que publica a información (xa pública) sobre os voos do seu avión privado, a quen fai absurdamente responsable do incidente. Curiosamente o Departamento de Policía de Los Angeles non recibiu ningunha denuncia sobre o incidente, confirmando que está a ser unha simple desculpa para as arbitrarias decisións de Musk.
O xeito de operar de Musk nos últimos meses está a supor a acumulación de violacións de numerosas leis relativas aos dereitos laborais, á liberdade de información, aos servizos da Sociedade da Información, á protección de datos de carácter persoal... de aí que non sorprenda que a vicepresidenta de Valores e Transparencia da Comisión Europea, Věra Jourová, declarase publicamente que Elon Musk debe respectar a liberdade dos medios de comunicación e os dereitos fundamentais, anticipando que xa superou varias liñas vermellas, polo que en breve terá que enfrontarse a sancións.

PUBLICIDADE