Twitter retira os ovos das fotografías de perfil predeterminadas

venres, 31 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Relación das fotografías de perfil predeterminadas empregadas por Twitter no pasado

Dende 2010, cando alguén creaba unha conta en Twitter a fotografía do avatar que o representaba mentres non subise outra imaxe era a dun ovo, como unha divertida referencia a os paxaros que aínda non saíron do seu ovo para chiar, pero estas imaxes están a ser un problema en si mesmo, xa que a súa estética non casa ben co deseño actual de Twitter e percíbense de xeito negativo, xa que en moitos casos as contas que teñen un ovo como avatar son robots ou persoas que crean contas só para acosar a alguén, polo que non se molestan en personalizar a súa conta.
Tamén comentan dende Twitter que hai usuarios que simplemente consideraron que as imaxes dos ovos resultan graciosas, polo que non as mudaron, e precisamente por iso, e para instar aos usuarios a empregar avatares que os represente dun xeito máis persoal, veñen de mudar a imaxe predeterminada das contas de Twitter, que será unha cabeza cos seus ombros, que conseguen transmitir unha sensación tan neutra e impersoal que confían en que inste aos usuarios a cargar no sistema unha imaxe que os represente mellor.
A nova fotografía de perfil predeterminada busca ser xenérica, universal, seria, intemporal, inclusiva e carente de marca, aínda que está por ver se este cambio de deseño consegue animar aos usuarios a subir unha fotografía de perfil, ou se o único que acontecerá é que a mala sona dos ovos transmítese a unha nova imaxe.

PUBLICIDADE