Twitter prepara novas medidas contra o acoso

martes, 7 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Pese a que Twitter é todo un referente global como servizo de comunicación e información en tempo real, parece ter problemas moi serios de cara a captar investimentos, en boa medida pola mala imaxe que están a causarlle os casos de acoso que son todo un cancro para a plataforma, de aí que estean a tomar medidas para frear os abusos, como a posibilidade de denunciar chíos que poidan considerarse abusivos, e hoxe anuncian novas medidas na mesma dirección, que buscan deter a creación de novas contas abusivas, presentar resultados de busca máis seguros e deslizar cara abaixo os chíos potencialmente abusivos ou de baixa calidade.
Deste xeito Twitter está a tomar medidas para identificar ás persoas que foron expulsadas do servizo polos seus comportamentos abusivo, para que non poidan volver crear contas e acosar a outras persoas; tamén filtrarán os resultados de busca para que non amosen contidos que consideren sensibles ou que pertenzan a contas bloqueadas; e finalmente quitarán prioridade aos contidos que teñan pouca calidade ou poidan resultar abusivos, situando de xeito destacado as conversas máis relevantes.
Estes cambios iranse aplicando nas vindeiras semanas, e procuran converter a Twitter nun espazo máis seguro na Internet.

PUBLICIDADE