Twitter podería borrar contas de usuario inactivas dende hai anos

martes, 9 de maio do 2023 Marcus Fernández

Tras insinuar que como represalia contra a inactividade de NPR en Twitter (provocada pola falta de credibilidade da plataforma e por calumnias contra a entidade por parte do propio Musk) poderían entregarse a conta a outra compañía, Musk anuncia que están a preparar unha purga de contas que leven varios anos inactivas, advertido aos usuarios que poden experimentar unha caída brusca de seareiros en consecuencia.
Cómpre salientar que no pasado Twitter realizou varias purgas de usuarios, principalmente para erradicar as contas falsas, o que provocou que houbese usuarios que chegasen a perder millóns de seareiros, pero desta volta non se actuaría contra bots, senón contra contas con usuarios que leven anos sen usar Twitter, o que pode ser bastante complicado, e dada a pouca información achegada por Musk resulta difícil saber o que vai acontecer.
Cómpre lembrar que Twitter xa quixo realizar unha purga de contas inactivas en 2019, e finalmente anunciaron que non realizarían tal medida até que atopasen unha fórmula para poder converter algunhas destas contas en conmemorativas, xa que a inactividade podería corresponder ao pasamento do seu usuario. Tamén aseguraron que o borrado de contas podía entrar en colisión co Regulamento Xeral de Protección de Datos vixente na Unión Europea, de aí que non sería de sorprender que o anuncio realizado por Musk rematase sen concretarse nun borrado masivo de contas (cando menos no que a usuarios da Unión Europea se refire).

PUBLICIDADE