Twitter permitirá publicar fíos de chíos de vez

martes, 12 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Unha das grandes constantes de Twitter é o feito de que a plataforma vai incorporando como seus os comportamentos dos usuarios, de xeito que elementos como os rechouchíos ou as citas remataron converténdose en funcionalidades nativas da plataforma, e agora chega a quenda dos fíos, un elemento deseñado para poder seguir conversas, pero que algúns usuarios comezaron a empregar para narrar historias ou desenvolver conceptos complexos, de aí que decidisen facilitar esa práctica, e hoxe anuncian que están a iniciar a implantación dun novo xeito de fíar chíos, premendo nun botón de + para compor novos chíos e, cando se remate de escribir o fío enteiro, poder premer o botón de publicar para remitir todas as publicacións de vez.
Esta nova funcionalidade busca simplemente facer cómoda unha práctica cada vez máis frecuente. Nas vindeiras semanas chegará a iOS, Android e Twitter esta nova prestación que axudará a facer un uso máis creativo de Twitter.

PUBLICIDADE