Twitter permite agochar respostas aos nosos chíos

xoves, 21 de novembro do 2019 Marcus Fernández

Dende Twitter levan tempo esforzándose en conseguir que a súa comunidade de usuarios sexa o menos tóxica posible, engadindo funcionalidades que permitan que os usuarios estean máis cómodos e seguros, para o que están a cambiar profundamente o funcionamento das conversas no servizo. A última novidade ao respecto engade máis control sobre a xestión das conversas que iniciemos, de xeito que os usuarios poden agochar respostas aos seus chíos, separando así comentarios que non se cingan ao tema ou ton da conversa (ou incluso resulten molestos) aínda que sen chegar a eliminalos, existindo a opción de que o resto da xente poida ver a conversa completa se así o decide.
A opción de agochar respostas estivo a probarse durante bastantes semanas, tempo no que comprobaron que os usuarios utilizaban a funcionalidade como un simple xeito de reducir o ruído nunha conversa, de xeito que os comentarios agochados rara vez viñan acompañados con bloqueos ou silenciados de usuarios.
Este é un dos moitos cambios na xestión de conversas que están a implementar e que chegarán ao longo de 2020, para converter a Twitter nun lugar máis san para os usuarios.

PUBLICIDADE