Twitter frea o seu ritmo de captación de usuarios activos

xoves, 6 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Ao saír aos mercados bolsistas, compañías como Facebook e Twitter teñen a obriga de publicar trimestralmente os seus resultados, o que facilita que fagamos balance da súa situación, e agora que Twitter comunica os seus resultados para o cuarto trimestre e o ano fiscal 2013 vemos como a compañía ingresou 243 millóns de dólares no último trimestre do ano (o que supón un crecemento do 110%) o que non impediu unhas perdas netas de 511 millóns de dólares. No total do ano 2013 a compañía ingresou 665 millóns de dólares e tivo unhas perdas netas de 645 millóns de dólares.
Pero os datos económicos non son o máis interesante dos datos publicados, senón que resulta máis relevante coñecer que o número de usuarios activos en Twitter no pasado mes de decembro é de 241 millóns, o que supón un incremento interanual do 30%, porcentaxe que sería só do 4% no último trimestre, o que indicaría unha preocupante deriva cara ao estancamento do número de usuarios, algo inevitable, pero que podería chegar antes do agardado, o que está a reducir a confianza dos mercados nesta plataforma social que, por outra banda, está a demostrar un magnífico funcionamento en dispositivos móbiles, onde xuntou a 184 millóns de usuarios activos (o 76% dos seus usuarios activos totais, algo que poucas plataformas semellantes conseguen).

PUBLICIDADE