Twitter estrea unha ferramenta para coñecer os mellores momentos para publicar vídeos

venres, 8 de marzo do 2019 Marcus Fernández

Cando é mellor publicar contidos nas redes sociais? Esa é unha pregunta que se fai moita xente cando quere establecer un calendario de publicacións, e sempre hai teorías que apuntan a uns días e unhas horas concretas como se existise unha resposta xenérica válida. A única resposta axeitada é depende, pois inflúen moitos factores externos, e o mellor é simplemente probar en cada caso, para o que agora Twitter ten unha ferramenta que pode resultar moi axeitada para saber cando a nosa audiencia está pendente, e así poder predicir os mellores momentos para publicar contidos en vídeo (os máis custosos de producir).
Para acceder a estas novas estatísticas temos que ir ao Media Studio, e no apartado de Analytics temos agora as Insights, que presenta un calendario semanal por horas, no que se indica o maior nivel de interacción que hai a cada hora, permitindo así saber os días da semana e as horas nas que resulta máis doado maximizar o alcance das publicacións, xa que atende aos hábitos dos seareiros que teñamos.
Deste xeito podemos saber se os usuarios que seguen unha conta en concreto están pendentes durante o horario laboral ou no tempo de lecer, nas fins de semana ou durante a semana e, especialmente, localizar os horarios nos que están practicamente ausentes das redes sociais, para así non realizar esforzos que non resulten produtivos.

PUBLICIDADE