Twitter e Vine ábrense aos vídeos de até 140 segundos

martes, 21 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Dende o ano pasado Twitter está a apostar polo vídeo na súa plataforma en liña, e dada a orientación á información inmediata dos 140 caracteres, o vídeo tamén quixo ser áxil limitando a súa duración aos 30 segundos, pero en vista de que no que vai de ano a incrustación de vídeos en Twitter medrou un 50% decidiron que era hora de dar un paso decisivo e incrementar a súa duración até os 140 segundos, o que abre esta plataforma social a unha maior diversidade de contidos.
Estamos ante unha grande nova para quen comparte tráilers, anuncios televisivos e pequenas gravacións, que non teñen que editar o material para poder encaixalo nos escasos 30 segundos, pero, sorprendentemente, tamén decidiron trasladar esta nova política a Vine, plataforma que estaba limitada a 6 segundos, polo que o cambio neste caso é radical.
No caso de Vine, en vez de eliminar a súa esencia, comezan a probar unha nova funcionalidade que consiste nun botón que permite que un breve Vine leve a un vídeo máis tradicional que normalmente terá até 140 segundos de duración, aínda que nalgúns casos (partners) podería chegar até os 10 minutos, de xeito que o Vine sería como un tráiler dunha película integrada que non sería cadrada, senón que ocuparía a pantalla enteira en vertical ou horizontal. Un importante cambio para unha plataforma de vídeo que ten cada vez máis dificultades para atopar o seu sitio.
Estas novas funcionalidades de Vine están aínda en probas, de xeito que polo momento pode considerarse un experimento que está a adaptarse á resposta que vaia rexistrándose nas vindeiras semanas e que paulatinamente irá ofrecendo as ferramentas para a explotación destes novos formatos a máis creadores.
Tanto en Twitter como en Vine está a facilitarse a reprodución de vídeo, e así, a partires de agora, cando se realice un toque sobre un chío con vídeo ou nun Vine o seu correspondente vídeo reproducirase a pantalla completa (amosando suxestións doutros chíos con vídeos debalxo), funcionalidade que en breve estrearase na aplicación de Twitter para iOS e Android.

PUBLICIDADE