Twitter e TikTok deberán someterse á Acta de Servizos Dixitais europea

martes, 25 de abril do 2023 Marcus Fernández

A Comisión Europea vén de facer pública a listaxe de plataformas en liña de moi grande tamaño (VLOP) e buscadores que teñan máis de 45 millóns de usuarios activos na Unión Europea, ou sexa, que terán a obriga de cumprir coas obrigas establecidas pola Acta de Servizos Dixitais, establecéndose a data límite para o cumprimento das condicións impostas o 25 de agosto de 2023.
Os servizos que terían que cumprir coa nova lexislación serían AliExpress, Amazon, a App Store de Apple, Bing, Booking, Facebook, Google Maps, Google Play, o buscador de Google, Google Shopping, Instagram, LinkedIn, Pinterest, Snapchat, TikTok, Twitter, a Wikipedia, YouTube e Zalando.
Estas plataformas están consideradas como de relevancia sistémica, polo que teñen responsabilidades especiais para conseguir que poidamos gozar dunha Internet máis fiable e segura, baseándose en 4 piares: maior protección, control e capacidade de elección dos usuarios; maior protección para os menores en liña; unha moderación de contidos máis fiable e dilixente, con menos contido ilegal e menos desinformación; e máis transparencia e rendemento de contas.
Para garantir o cumprimento destas esixencias estableceranse uns test de estrés, que deberían preocupar especialmente nos casos de Twitter e TikTok, estando previsto que no caso de Twitter un equipo da Comisión Europea visite as oficinas de Twitter en San Francisco, mentres que no caso de TikTok procurarán tamén visitar as oficinas de ByteDance.

PUBLICIDADE