Twitter celebra o Aninovo cunha emoticona ad hoc

mércores, 30 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Está converténdose nunha práctica habitual por parte de Twitter que, ao achegarse algún acontecemento especial (estreo dunha película, acontecemento deportivo, comicios electorais...) certos cancelos presente de xeito automático unha emoticona temática, axudando así a darlle visibilidade, o que van facer estes días coa etiqueta para celebrar a chegada do ano 2016, que en inglés sería #HappyNewYear, pero que inclúe 35 linguas máis, de xeito que tamén poderemos empregar os cancelos #FelizAñoNuevo e #FelizAnoNovo para destacar os chíos nos que deamos a benvida ao Aninovo.

Nova aplicación para Mac

Pero para moitos usuarios o que é realmente motivo de celebración é que finalmente Twitter renovou a súa aplicación para OS X, que parecía estar abandonada, de xeito que por fin soporta funcionalidades como a reprodución de imaxes GIF e vídeo, poder mandar mensaxes directas en grupo, citar chíos ou incluso poder presentarse na pantalla dos Mac cunha aparencia escura. A aplicación recolle tamén os chíos máis importantes durante o tempo no que o usuario se ausentou de Twitter, funcionalidade que leva tempo dispoñible na aplicación oficial para Android, e que agora tamén pode gozarse en OS X.
Pero aínda que a renovación haxa quen o vexa como un agasallo de Nadal, non faltan as críticas e decepcións, xa que a nova aplicación presenta problemas de rendemento, atóase, repite vellas notificación, ten problemas para iniciar sesión... fallos que non parecen dignos dunha aplicación oficial, pero que un anterior traballador da compañía asegura que é culpa de que esta ferramenta desenvolveuse de xeito externo, o que indicaría que esta aplicación non é precisamente unha prioridade para a compañía (que noutras plataformas esfórzase en manter o dominio entre as aplicacións cliente do seu servizo).

PUBLICIDADE