Twitter avanza na adopción da súa nova marca

mércores, 26 de xullo do 2023 Marcus Fernández

A transformación de Twitter en X avanza paseniño, e con bastante improvisación, pois ao pouco de mudar o logotipo da plataforma social sen que desaparecesen as moitas referencias a Twitter en toda a interface do servizo, xa se mudou o logotipo por unha versión máis grosa (recoñecendo Musk que o logotipo continuará a súa evolución) e incluso se desvelou que a conta de usuario @X correspondía a un usuario co que ninguén se puxera en contacto para reclamar o identificador.
Finalmente o nome desta conta mudou de identificador a @x1234567898765 para logo anunciar que «está ben o que ben acaba», dando a entender que recibiu unha compensación económica para liberar o nome de usuario que finalmente adoptou a conta @twitter (aínda que en TechCrunch confirmaron que ninguén contactou co usuario da conta, polo que a conta tería sido usurpada). De feito, os principais identificadores oficiais de Twitter veñen de mudar de nome: @TwitterSupport pasa a @Support, @TwitterDev a @Xdevelopers, @TwitterAPI a @API e @TwitterBlue a @XBlue.
Pero o cambio de marca vai moito máis aló de cambios de logotipos e nomes de usuarios, e a nivel legal podería ser bastante complexo, pois apuntan que actualmente hai preto de 900 compañías con marcas relativas ao X nos EE.UU, entre as que destacan Microsoft e Meta, o que podería dificultar a transformación de Twitter nunha superaplicación que inclúa servizos financeiros e doutros tipos distintos aos actuais, xa que converte a compañía nun branco doado para reclamacións xudiciais. A situación complícase aínda máis se pretenden defender a marca internacionalmente.
De feito, dende Bloomberg sosteñen que o cambio de nome de Twitter supón a perda de milleiros de millóns de dólares en valor de marca, chegando incluso a cifran a perda a entre 4.000 e 20.000 millóns de dólares. Lembran que Twitter leva máis de 15 anos consolidando a súa marca, polo que desbotala supón un duro golpe financeiro para a compañía.
Aínda que o cambio de marca poida ter sentido ao mudar tamén o obxectivo da compañía, falamos dunha marca que conseguiu asentarse na Internet (conseguindo o seu logotipo un nivel de coñecemento ao nivel dos de Facebook e Instagram) e que incluso deu lugar a un vocabulario (chío, rechouchío, fío...) que agora cómpre reconstruír.
Os expertos coinciden en que este cambio de Twitter responde unicamente ao ego de Elon Musk, e é incluso un risco para os novos obxectivos da compañía, xa que confiar operacións financeiras a unha nova marca é difícil, polo que non cren que ninguén vaia confiar os seus cartos a X aparte dos incondicionais de Musk.

PUBLICIDADE