Twitter activa novas funcións nun escenario que non logra librarse das polémicas

xoves, 22 de decembro do 2022 Marcus Fernández

Thedora Skeadas é unha das empregadas de Twitter despedidas esta semana

Pese a que xa sabemos que Elon Musk está preparado para deixar a dirección de Twitter en calquera momento, non parece que o circo que está montado ao redor da compañía do paxaro azul vaia rematar dun día para outro, e estes días continúa o rebumbio provocado polas polémicas actuacións de Musk.
Aínda que para algúns o máis salientable sería que, pese aos drásticos recortes do cadro de persoal aínda continúan a realizar despedimentos en Twitter, coa metade do equipo de Public Policy que quedaba na empresa dicindo adeus estes días, así como varios do enxeñeiros responsables das infraestruturas da compañía sendo despedidos.
E non todo son despedimentos, senón que resultou moi destacable a dimisión de George Hotz, o afamado hacker do primeiro iPhone e da PlayStation 3, que hai menos dun mes fora fichado por Musk para arranxar o buscador de Twitter (entre outras cousas) e que finalmente marcha da empresa antes de ter realizado ningunha contribución significativa. Curiosamente isto acontece pouco despois de que Hotz fose o anfitrión dun Espazo en Twitter no que participou Musk, e no que resultou evidente a ignorancia de Musk sobre o funcionamento interno de Twitter, pois cando se lle preguntou sobre como debería reescribirse Twitter para mellorar a súa eficiencia (precisamente por parte dun especialista na materia que actualmente traballa para Netflix) limitouse a insultar a quen facía a pregunta.
Polémicas aparte, Twitter tamén está a incorporar novidades estes días, como a presentación gráfica da cotización bolsista das distintas empresas cando buscamos polo seu identificador en Twitter (o que algúns apuntan que non se activou no momento máis oportuno, xa que Tesla está a caer en cotización dun xeito alarmante); e que cada chío comece a amosar o seu número de impresións (dato que até o momento só era coñecido polo autor do chío), funcionalidade xa presente nas aplicacións móbiles de Twitter e que pronto chegará á web, aínda que tampouco parece que sexa unha función moi oportuna (xa que o alcance dos chíos están moi lonxe do que conseguían no pasado, e dar visibilidade a tal dato pode empeorar a imaxe da plataforma).

PUBLICIDADE