Tweetbot renóvase no iPhone e estrea versión para iPad

xoves, 9 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

Pese a que a aplicación de pagamento para iPhone Tweetie se convertese na aplicación oficial de Twitter (pasando a ser de balde) iso permitiu que outras aplicacións semellantes puidesen manterse no mercado ofrecendo prestacións adicionais interesantes para certos usuarios, como é o caso de Tweetbot, programa que vén de estrear versión 2.0 para iPhone e iPod Touch, incorporando novidades como ligazóns en cor, unha nova vista de cronoloxías, miniaturas nos timelines, integración dunha barra para indicar a autoría dos retweets, nova vista para as mensaxes directas, actualización automática programada (cada 5 minutos) e moitos outros detalles que fan que esta aplicación con moita personalidade e aproveitamento de xestos consiga facer que o público pague por ela 2,39 euros pese a existir alternativas de balde.

Tweetbot para iPad diferenciase principalmente da aplicación oficial de Twitter para iPad pola súa axilidade e simplicidade

Pero a actualización da versión para iPhone de Tweetbot non é a única novidade que achega Tapbots, senón que esta compañía tamén vén de estrear aplicación para iPad, que soporta múltiples cronoloxías, xestos intelixentes (e incluso configurables), notificacións push nativas, navegación personalizable (poden agocharse as lapelas que nunca se usan), soporta servizos como Read It Later e Instapaper e tamén conta con funcionalidade como a gravación de borradores, a incorporación da posición GPS actual, a incrustación de fotografías e vídeos, a administración e moitas outras prestacións que converten esta ferramenta acabada de nacer nun dos mellores clientes de Twitter para iPad, impresión que levan principalmente os que estiveran afeitos á versión para iPhone de aplicación.