TweetDeck renova a súa aparencia

xoves, 6 de xuño do 2013 Marcus Fernández

A ferramenta TweetDeck goza de grande popularidade por permitir acceder simultaneamente a varias contas en redes sociais á vez, o que resulta especialmente útil para quen fai un uso profesional das mesmas, e aínda que tras a súa compra por parte de Twitter centrase as súas funcionalidades nesta última plataforma, pouco cambiara na súa estética dende os seus comezos ata agora, pois vén de estrear unha nova aparencia, na liña da que actualmente tamén ten Twitter, con fondo branco (en vez do tradicional fondo gris escuro) e Iconas nunha columna lateral, o que supón unha aparencia máis sinxela e lixeira, da que xa pode gozarse na versión web de TweetDeck.
TweetDeck permítenos definir e ordenar columnas que presenten información extraída de Twitter que pode ser unha cronoloxía, interaccións, mencións, novos seareiros, mensaxes directas, buscas, favoritos... á vez que tamén facilita poder publicar dende distintas contas sen ter que identificarse de cada vez (e permitindo incluso a programación futura de publicación). Unha excelente solución de balde que, pese a estar reducir o número de plataformas nas que está dispoñible de xeito nativo (Twitter abandonou o desenvolvemento das versións para móbiles e con tecnoloxía Adobe AIR de TweetDeck), ten un sólido comportamento vía web e nas súa aplicacións de escritorio para Windows e OS X.

PUBLICIDADE