Turismo Rías Baixas loce deseño e contidos ampliados na súa nova web

xoves, 11 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

A páxina web de Turismo Rías Baixas impulsada pola Deputación de Pontevedra estreou hoxe unha feitura nova: un remodelado que non só afecta ao seu deseño senón tamén aos contidos e aos servizos que ofrece a plataforma. Os traballos foron dados a coñecer pola presidenta da entidade provincial, Carmela Silva, quen dixo que a remodelación foi “profunda” e que o resultado é unha “web moderna e dinámica, enfocada ás viaxeiras e viaxeiros, e con toda a información necesaria para vivir grandes experiencias no interior e na costa da provincia de Pontevedra”.
No paquete de novidades concretas inclúense as seguintes: máis seccións, mellor deseño (máis clarificado e máis intuitivo), unha máis óptima adaptación a todos os dispositivos (deseño responsive) e un especial coidado no tratamento da imaxe e do vídeo.
O redeseño foi elaborado integramente por persoal da Deputación, pertencente aos departamentos de Turismo, Comunicación, Novas Tecnoloxías e Servizos Lingüísticos. Outra das novidades destacada hoxe é o mapa interactivo, que busca achandar o camiño das viaxeiras e viaxeiros que se acheguen ao destino Rías Baixas.
A web fornece de información dos recursos turísticos de todas as comarcas, e aporta na súa sección Descubre datos e propostas enogastronomía, natureza, cultura, turismo activo, termalismo, patrimonio, festas e Camiños de Santiago.
Ademais, inclúe os dez must-see das Rías Baixas: as Illas Atlánticas, a Ruta da Camelia, os castelos de Soutomaior e Sobroso, os castros, as 55 praias con bandeira azul, os conxuntos históricos, a Ruta do Viño, os pazos, os faros e os grandes miradoiros.

PUBLICIDADE