Turgalicia estrea páxina web para promover o noso turismo

luns, 26 de xaneiro do 2009 Raquel Noya

A Consellaría de Innovación e Industria, a través de Turgalicia-Dirección Xeral de Turismo, vai presentar, un ano máis, o seu stand institucional na Feira Internacional do Turismo de Madrid, FITUR 2009, encontro a celebrar entre os días 28 de xaneiro e 1 de febreiro, e que lle servirá de escaparate para a presentación da oferta turística de Galicia cara ao ano 2009.
Para esta edición de FITUR, Turgalicia deseñou un recinto de promoción de 1.600 metros cadrados que recolle a esencia das liñas de promoción da oferta turística galega, baseadas no estilo de vida de Galiza, ao obxecto de transmitir unha imaxe de evocadora, amable e de calidade do destino. Con este recinto, Turgalicia tenta potenciar o carácter de destino único de Galiza, con personalidade propia, e con capacidade para xerar unha resposta emocional entre as persoas que o visiten.
O eixe de comunicación principal do stand institucional de Galiza en FITUR será unha serie de imaxes que representan con forte atractivo visual os diferentes produtos e recursos turísticos galegos, e así, o stand estará dividido nos seguintes apartados: Galiza, Camiño de Santiago, Cidades de Galiza, Turismo Interior, Rías de Galiza, Centros históricos, Turismo Termal, Turismo Náutico, Turismo Activo, Cociña atlántica e Aloxamentos.

Portal en Internet

Como novidade, para a difusión das actividades de promoción do Turismo de Galiza en FITUR, Turgalicia porá en marcha este ano o portal Galiciafitur2009, a través do que se poderá obter cumprida información do programa de eventos que se desenvolverán no stand galego, mesmo en tempo real.

PUBLICIDADE