Tui mellorará con novas tecnoloxías a empregabilidade dun centenar de mulleres

luns, 28 de agosto do 2023 S. P.

O Concello de Tui presentou ante a Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Promoción do Emprego e da Igualdade a solicitude dun Programa Integrado de Emprego. O investimento previsto ascende a 247.191,01€. De ser concedido desenvolverase durante un ano, con inicio previsto en novembro, para mellorar a empregabilidade dun centenar de mulleres do municipio.
En concreto, con este proxecto o Concello de Tui busca “ofrecer as mulleres de Tui unha oportunidade de mellorar a súa empregabilidade para facilitar a súa inserción no mercado laboral a través dun conxunto de accións organizadas ao redor dun proceso personalizado e individualizado que ten como obxectivo o crecemento persoal e profesional das participante”. Ao tempo quérese contribuír á promoción da igualdade no ámbito económico, laboral e social, á prevención da violencia de xénero, tal e coma sinala a concelleira de Formación, Emprego e Igualdade, Ana Nuñez.
O programa solicitado iniciaría a súa actividade, unha vez seleccionadas ás participantes, con formación para mellorar os resultados da busca de emprego con obradoiros coaching e orientación, de preparación dunha entrevista de selección de persoal, intelixencia emocional, ou emprendemento. Tamén se impartirán obradoiros de mobilidade laboral, centrados principalmente en Portugal en colaboración co Eures Transfronteirizo. Coma novidade incorporarase un obradoiro sobre o uso da Intelixencia Artificial para mellorar a procura de emprego.
Pero amais impartiranse cursos de competencias dixitais, xestión informatizada e control de stocks, operacións básicas de liña de produción, técnicas de venda e post-venda, manexo de plataformas elevadoras, técnicas de paquetería, expendedora de gasolina, entre moitas outras completando un total 1.198 horas de formación previstas neste programa. Contará tamén con medidas de conciliación e prácticas non laborais en empresas.
O programa vai dirixido a 100 mulleres e fixa coma obxectivo a inserción de máis do 45% das participantes.
O Concello de Tui salienta a positiva experiencia previa na celebración destes programas, xa que o Programa Integrado de Emprego que se está a realizar dende febreiro deste ano logrou xa a inserción laboral do 70% das persoas participantes.

PUBLICIDADE