Tucows Downloads di adeus

venres, 22 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

Nos anos 90 era moi popular o shareware, aplicacións informáticas con algunhas limitacións que podían desbloquear todo o seu potencial mediante pagamento, o que era un modelo de negocio que funcionaba relativamente ben e ao que contribuían dende a distribución en discos físicos até as BBS, e foi precisamente nunah BBS onde naceu en 1993 o catálogo de software Tucows Downloads, que grazas á internet medrou como negocio até converterse nun dos principais recursos en liña para a descarga de software.
A compañía foi evolucionando, e aínda que para os máis veteranos Tucows sexa un histórico recurso que lembra ao que despois fixeron compañías como Softonic, a empresa actualmente dedícase a outros negocios con bastante éxito, xa que estamos a falar do segundo maior vendedor de dominios da Internet (só superado por Go Daddy).
Pero nos últimos anos Tucows Downloads mantiña a súa presenza na web por motivos puramente sentimentais, chegando incluso a retirarlle a publicidade en 2016 (deixando claro que xa non era un negocio), de aí que non debería ser unha sorpresa que agora diga adeus, aínda que sen querer pasar totalmente ao esquecemento, xa que os seus responsables transferiron os contidos de Tucows Downloads ao Internet Archive para que o manteñan de cara á posteridade.

PUBLICIDADE