Truth Social supera os 73 millóns de dólares en perdas

martes, 14 de novembro do 2023 Marcus Fernández

Tras o asalto ao Capitolio, as contas nas principais plataformas sociais de Donald Trump foron suspendidas indefinidamente por reiterar o incumprimento das normas (considerándose que instigara actos violentos), e ante a falta de altofalantes o polémico empresario e político buscou acubillo en Truth Social, plataforma que aspiraba a ser unha grande alternativa a Twitter, aínda que na práctica non era máis que unha instancia de Mastodon camuflada.
Limitar unha plataforma social a un público cunha ideoloxía moi concreta, basicamente para acoller a todos os usuarios que foron expulsados doutras plataformas por non saber comportarse en público, non parece ser a mellor idea para conseguir un negocio viable, e iso parecen constatar os resultados de Truth Social, que rexistrou unhas perdas de 73 millóns de dólares dende o seu lanzamento a primeiros de 2022.
Detallando, Truth Social tería perdido 50 millóns de dólares durante 2022, ano no que ingresaron 1,4 millóns de dólares; e na primeira metade de 2023 terían perdido 23 millóns de dólares cuns ingresos de 2,3 millóns. En vista destas contas resulta evidente que a plataforma está a unha distancia sideral da rendibilidade, resultando realmente complicado que poida atopar investidores que queiran manter unha plataforma que queima cartos sen conseguir repercusión, ou sexa, que nin sequera consegue que os seus investimentos se traduzan en influencia.

PUBLICIDADE