Trump aproba unha orde executiva contra varias aplicacións chinesas

xoves, 7 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

O pasado verán Donald J. Trump aprobou un par de ordes executvias contra WeChat e TikTok, resultando ambas freadas na vía xudicial por entenderse que eran un claro exceso que vulneraba dereitos fundamentais dos cidadáns estadounidenses, pero iso non impediu que xunto antes de abandonar o cargo Trump recunque e aprobe unha orde executiva contra unha serie de aplicacións e servizos desenvolvidos ou controlados por empresas chinesas.
Desta volta cargan contra Alipay, CamScanner, QQ Wallet, SHAREit, Tencent QQ, VMate, WeChat Pay e WPS Office, que deberían prohibirse 45 días despois da aprobación da orde, algo que parece moi difícil que aconteza, xa que estamos ante accións que queren adoptarse seguindo os mesmos argumentos empregados no caso de WeChat, nos que ante un potencial (que non real) caso de intromisión do Partido Comunista Chinés quérese pechar a billa a aplicacións que en varios casos serven para comunicar persoas e realizar pagamentos, sen que existan alternativas reais a estes servizos, provocando un dano irreparable aos afectados, de aí que non pareza que a orde executiva poida prosperar.

PUBLICIDADE