Trump acusa a Google de agochar as novas positivas sobre a súa persoa

martes, 28 de agosto do 2018 Marcus Fernández

O presidente dos EE.UU., Donald J. Trump, estende a súa guerra contra os medios de comunicación á Google, e denuncia a través de Twitter que o buscador só amosa entre os seus resultados as informacións de medios que el considera fake news, ou sexa, que dá prioridade ás novas na súa contra, e asegura que o 96% dos resultados sobre novas da súa persoa corresponden a medios aliñados coa esquerda, e sostén que tomará medidas contra este control da información que ten Google.
As acusacións semellan estar baseadas nun artigo de Paula Bolyard para PJ Media que é un auténtico despropósito, estando baseado nunha división entre medios de comunicación de dereitas e de esquerdas moi pouco obxectiva que tampouco pondera a profesionalidade dos medios, de xeito que coloca practicamente ao mesmo nivel un micromedio incendiario que a un xornal de sona internacional. O artigo é simplemente unha teoría da conspiración, sen fundamento real, que non supera nin un escrutinio superficial.
Pero o principal problema das acusacións de Trump é que con realizar unha busca en Google News xa vemos que o que di non é certo, e os medios pro-Trump non están tan agochados, e realmente a queixa dos partidarios de Trump é que Google non dea prioridade a cabeceiras irrelevantes nas que prima a opinión fronte a medios de comunicación con máis de medio século de vida e un bo posicionamento na Rede.

PUBLICIDADE