Trocobank.com: innovador servizo galego para achegar crédito empresarial en intres de crise

mércores, 8 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

A rede empresarial Vigiliam vén de pór en marcha unha nova iniciativa web dirixida a facernos o máis doada posíbel a procura e achega de crédito. O servizo, presentado baixo un nome que fala por si só da súa orixe galega e máis dos principios sobre os que se asenta, Trocobank.com, operará como un mercado para as pequenas e medianas empresas e para os autónomos, hoxe en día, tendo en conta os tempos que estamos a vivir, máis necesitados que nunca de liñas de financiamento que posibiliten e aseguren a produtividade, a diversificación, a promoción, o espallamento ou a innovación no seu seo.
A web Trocobank, que vai operar a nivel nacional, supón “unha nova forma de colaboración entre as empresas nestes intres de crise”, informa Vigiliam. A día de hoxe, coa campaña de lanzamento acabada de iniciar, o servizo xa dispón de 400 empresas validadas e dun volume de crédito de máis de tres millóns de euros. Para quen queira afondar nos obxectivos e nos métodos de traballo elixidos por Trocobank, dicirlle que xa está dispoñíbel un completo dossier informativo. O servizo, infórmase dende Vigiliam, estará plenamente operativo a partir do 15 de febreiro.
Trocobank, engádese, actuará como un sistema financeiro igualitario, solidario e transparente, concedendo créditos iniciais ás empresas que os precisen para desenvolver o seu labor ao abeiro do sistema. O financiamento inicial é de 6.000 euros para os autónomos e de 10.000 para as empresas, sendo contías suxeitas a medre, é dicir, que se irán incrementando a medida que se realizan máis vendas. “O empresario que realice operacións no seo de Trocobank conseguirá financiamento, clientes e aforro, ao devolver o crédito a través de activos correntes, o que suporá un pulo á súa actividade empresarial”, infórmase. O funcionamento, segundo se nos conta, é ben sinxelo, semellante ao de calquera mercado: hai compradores e vendedores que levan a cabo pedidos e vendas, e, polo tanto, un fluxo continuo de transaccións comerciais. O rexistro no servizo é de balde, a través da páxina, e non se precisan cartos en efectivo para operar.

PUBLICIDADE