Trinta novas aldeas de Brión terán redes de banda larga ultrarrápida antes de 2021

martes, 7 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

Exterior do consistorio de Brión nunha imaxe da Galipedia

O Concello de Brión comezou o ano facendo un repaso das vindeiras actuacións previstas para dotar de cobertura dixital avanzada os seus diferentes núcleos de poboación rural. Segundo comunicou o Goberno local, trinta novas aldeas do termo municipal disporán de cobertura de redes de banda larga ultrarrápida antes de 2021. Isto significa que máis da metade da totalidade dos núcleos de poboación xa contan ou teñen previsión de cobertura de fibra óptica, segundo datos ofrecidos pola axencia autonómica AMTEGA ao Concello.
O alcalde, José Luís García, celebrou que “a día de hoxe, 56 das 106 aldeas de Brión dispoñen ou disporán en breve deste servizo, ás que cómpre engadir outras 50 que están incluídas como entidades elixíbeis nas convocatorias de axudas anuais que publica o Estado no marco do Programa de Extensión de Banda Larga de Nova Xeración”. De feito, engadiu, o Concello de Brión vén de recibir a confirmación de que 30 desas 50 aldeas que non tiñan acceso a este servizo xa están incluídas nunha subvención que o operador Telefónica acaba de recibir da convocatoria 2019 do Programa de Extensión de Banda Larga de Nova Xeración do Estado. Deste xeito, antes de 2021 estará despregada esta rede en: Baliño, Beca, Chave da Ponte, Reboredo Grande, Vidaloíso, Vilas e Xinzo (Bastavales), Soutullo (San Salvador), Tembra (Boullón), Alfonsín, Cornanda e A Graña (Cornanda), Amañecida, Ardións, Cristimil, Espiñeiros, Goiáns, Mato, Nináns, Tourís e Vexo (Luaña), Fonte Paredes, A Igrexa, Ons, Pazos e Salaño Grande (Ons), Esparís, Forxán, Ombre e Pousada (Viceso).
Durante o ano 2019 este programa estatal despregou fibra óptica de Telefónica nos núcleos de Cabanas e Gontade (na parroquia de Os Ánxeles) e Brans de Abaixo, Brans de Arriba, Brión de Arriba, Cabreiros, O Casal, O Enxo, Gronzo, Lamiño, Liñares, Pedrouzos e Quintáns (na parroquia de Brión). Así mesmo, tamén vén de completarse a rede en Mourentáns (Viceso), esta última grazas ao Plan de Banda Larga 2020 da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE