Trinta especialistas da comunicación debateron en Santiago sobre o futuro da prensa e o audiovisual

martes, 22 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

A comunicación xa non vai ser a mesma logo da aparición de dúas tecnoloxías definitivas: a Rede (con todo o que implica de universalización do coñecemento) e a televisión dixital en calquera das súas manifestacións (TDT, satélite, cable, etc). Debater acerca do que poden facer os profesionais galegos (profesionais da comunicación en xeral, pero tamén das novas tecnoloxías, do audiovisual e doutros sectores ligados) arredor destes cambios foi o gran obxectivo das xornadas organizadas este martes en Santiago pola división galega da Asociación para o Progreso da Dirección (APD), unhas xuntanzas nas que participaron preto de trinta expertos e nas que se abordaron temas específicos como a posta en marcha da TDT de pago ou a polémica Lei de financiamento da RTVE.
Os encontros, desenvolvidos no Hotel Porta do Camiño, contaron coa presenza de persoeiros procedentes da prensa e a televisión e do eido da comunicación en xeral, como por exemplo o vicepresidente da recentemente creada Dircom Galicia, Manuel Vázquez Sola, quen fixo fincapé no necesario que é diferenciar hoxe en día entre xornalistas e directores de comunicación de empresas privadas, por moito que todos eles se dediquen a comunicar.
Para Vázquez Sola, a Sociedade do Coñecemento na que vivimos pon en xogo certa imprecisión sobre até onde chegan uns e onde comezan os outros. Pero cómpre non trabucarse: “Os primeiros móvense exclusivamente no ecosistema da información mentres que os directores de comunicación navegan entre as contas de explotación ou os cambios tecnolóxicos”.
Todo isto pon en xaque aos xornalistas, que son probablemente os que máis teñen que perder nestes tempos en que cada empresa, en parte grazas á revolución comunicativa propiciada pola Rede, ten o seu medio de comunicación en miniatura: “Ao xeneralizarse a figura dos directores de comunicación corporativos os xornalistas atopan meirande competencia por gañar audiencia e por conseguir que as súas mensaxes cheguen a todos”.
As xornadas tamén contaron coa participación de Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de Medios da Xunta de Galicia, quen aproveitou para afondar neste punto de inflexión comunicativo no que nos atopamos e no moito que este cambio está a repercutir economicamente nas canles informativas de tipo tradicional. Ao seu xuízo, a crise nos medios existe, e non se pode deixar de lado. E máis, engadiu, tendo en conta o que sector representa para a nosa terra, tanto no económico (o 1,17% do PIB galego) como no social e no político (garanten, na súa opinión, a riqueza e vitalidade democrática), cómpre que a Administración autonómica arbitre medidas e melloras prácticas. Co obxectivo de lembrar que neste eido a maquinaria xa está en marcha, Cabaleiro sinalou que a Xunta levará ao Parlamento seis iniciativas durante esta lexislatura en materia de comunicación, entre elas a Lei de publicidade institucional e as leis de audiovisual de Galicia e dos medios audiovisuais públicos.
Outro dos temas tratados nos encontros organizados por APD foi o do financiamento das televisión públicas, cuestión abordada en detalle polo secretario xeral da Unión de Televisións Comerciais Asociadas (UTECA), Jorge del Corral, e máis pola directora da TVG, Rosa Vilas, que ofreceron puntos de vista diferentes sobre a nova lei que prohibe á RTVE emitir publicidade (para o primeiro trátase da solución para o panorama “aterrador” do sector audiovisual privado, e para a segunda dun elemento que fai perigar a publicidade en linguas autóctonas como a galega).
Asemade, abordáronse nas xornadas cuestións como a TDT e o que vai presentar a medio e longo prazo no eido da comunicación dixital (será alternativa única ou deberá deixar sitio a outras tecnoloxías iguais de válidas?). Ao longo da xuntanza, déronse opinións de todo tipo. Para especialistas como Eladio Gutiérrez (presidente de Impulsa TDT ou José Luis Fernández, de Televés, a TDT permite satisfacer todas as demandas do espectador. Pola contra, Antonio Rodríguez (de operador galego R) cuestionou a TDT como solución definitiva, xa que considera que o futuro da televisión non pode pasar por un medio que non pode manter o ritmo. Ao seu xuízo, o futuro pasa por vincular a televisión con Internet e o consumo de contidos audiovisuais baixo demanda.

PUBLICIDADE