Triángulo de Amor Bizarro, a banda preferida dos internautas galegos en 2007

xoves, 17 de xaneiro do 2008 Fernando Sarasketa

Finalmente, resolveuse o concurso web do que falamos hai unhas semanas organizado polo sitio galego Sono-Tone e encamiñado a elixir (coa axuda dos internautas) o máis salientable da música feita en Galiza ó longo de 2007. O certame deu bos sinais de vida en dous sensos complementarios: por unha banda constatouse que cada vez hai máis xente disposta a participar (logo, seareiros que se toman en serio o que se fai aquí) e, pola outra, pon de manifesto o bo intre que viven as nosas bandas e solistas, tanto no que se refire a debuts (que case sempre teñen especial forza) no mercado, como no que atinxe a segundos ou terceiros traballos.
Sexa como sexa, na web de Sono-Tone temos a listaxe á nosa disposición, ó completo e incluíndo datos abondos sobre as bandas que acadaron mellores clasificacións. Por exemplo: Triángulo de Amor Bizarro, primeira da listaxe e gran pegada de 2007 no universo web.
O grupo barbanzano, do que se ofrece estes días unha interesante reportaxe na revista Rockdelux (de ámbito estatal), e que en Mondosono recibiu todo tipo de parabéns polo seu debut, acadou pois o primeiro posto de preferencias entre os internautas galegos, que co labor de produción de Carlos Hernández (Mercromina, Los Planetas), consideran deste xeito que a banda conseguiu saír coa cabeza ben alta dun trámite no que outras moitas, e de máis experiencia nos escenarios, non soen saír indemnes: falamos do paso das temas dende a liberdade creativa dos concertos ate a orde e limitacións do gravado. En webs como esta (onde din que o seu albume é tan bo que semella mentira), esta de máis alá (onde se fala do seu talento) ou estoutra, non se fai outra cousa que louvar a súa proposta. Aquí podemos o seu sitio en MySpace.

PUBLICIDADE