Tres novas incorporacións galegas ao catálogo do Centro de Transferencia de Tecnoloxía

luns, 8 de xuño do 2015 Redacción

A nosa terra xa hai tempo que é unha factoría de software libre de primeira liña, e a inclusión de programas de empresas nosas no catálogo de solucións do Centro de Transferencia de Tecnoloxía do Estado non fai máis que corroboralo. Sen ir máis lonxe, os días pasados formalizouse a incorporación ao CTT de tres solucións innovadoras de raizame galega, co obxectivo de ampliar a súa difusión e acompañando o proceso de toda a información precisa para facilitar o seu coñecemento e reutilización. Trátase de XEA, DESOURB e Concurrent Cache Manager.
Segundo informa AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), responsábel da inclusión, as tres ferramentas foron publicadas ao longo do ano pasado no seu Repositorio de Software Libre.
A idea, agora, amais de favorecer o seu coñecemento, é ampliar a súa marxe de uso e implantación para outras administracións e fomentar (tratándose como se trata de software libre) a colaboración para a súa mellora.
XEA é unha aplicación web para a xestión de todos os recursos das aulas CeMIT (aulas de alfabetización e formación dixital de AMTEGA, espalladas por todo o noso territorio), que permite aos usuarios a consulta sobre todas as actividades de formación que se ofertan, a inscrición nelas, o apoio para a súa realización e a obtención de certificados de aproveitamento dos mesmos. Tamén proporciona aos responsábeis das centros a organización tanto das actividades da Rede como do seu labor diario. XEA é unha adaptación desenvolvida por Fundetec para AMTEGA, da aplicación ISIS, creada previamente por Fundetec para a xestión do programa CyLDigital da Xunta de Castela e León.
O proxecto DESOURB, pola súa banda, foi desenvolvido con fondos europeos obtidos a través do Programa de Cooperación Transfronteriza España-Portugal (POCTEP) cuxo obxectivo era a definición dun modelo innovador de planificación e xestión territorial baseado en indicadores. Para iso creouse unha plataforma informática en web, que permite a captura e introdución de información, tanto en soporte alfanumérico como xeográfico, necesaria para a realización dos diagnósticos, establecer obxectivos ou facer seguimento dos resultados das accións realizadas en base a índices e indicadores. “A aplicación”, explica AMTEGA, “permite o cálculo automático destes indicadores, dende os que comprenden cálculos máis sinxelos, como os máis complexos que requiren operacións con datos xeográficos”.
Por último, Concurrent Cache Manager (CCM), é unha biblioteca Java que, segundo explica a Axencia, permite “mellorar de forma notábel o rendemento das transaccións entre as aplicacións empregadas nas Oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia e a plataforma informática do Servizo Público de Emprego estatal, o que se traduce nunha maior axilidade no desenvolvemento traballo por parte dos empregados de ditas oficinas”. CCM, engade AMTEGA, é un compoñente software que pode ser reutilizado “por calquera servizo de emprego autonómico, xa que todos eles precisan conectarse aos sistemas do Servizo Público de Emprego estatal”.

PUBLICIDADE