Tres firmas españolas na listaxe negra de infraccións por pirateo

luns, 18 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

O informe Online Trends & Insight, do que se falou polo miúdo hai uns días para dar conta dos países máis piratas, semella ter máis que dicir sobre a cuestión de que España estea en cabeza da listaxe. Segundo consta na investigación (auspiciada polas grandes empresas que defenden a protección das licenzas pechadas a toda costa e co ánimo de incrementar a presión para que España mova a ficha... ao seu favor), entre os maiores infractores do copyright a nivel internacional atópanse tres subministradores españois de Internet. O informe, que vai dirixido a crear pautas e abrir camiños para sociedades de xestión e gobernos (como o de Francia, especialmente belixerante a día de hoxe con todas aquelas prácticas que inclúan uso non legal de arquivos protexidos, entre os que se contan películas, cancións, xogos), ten unha particularidade salientable: sinala co dedo a empresas e países.
Dependendo de quen vexa o estudo (sexa un membro da SGAE ou de Internautas.org), España fica nun gravísimo ou nun óptimo posto: ocupa o primeiro lugar da listaxe con case 24 millóns de infraccións, seguida de Francia (outro punto ben curioso) e Italia. Máis polo miúdo e segundo reflicte Bandaancha facéndose eco do dito estudo, Bay TSP (os responsables do mesmo) cualifica a España como un dos grandes focos da piratería con tres grandes empresas nas primeiras catro posicións: Telefónica no número un con 11,4 millóns de infraccións seguida da firma Orange no terceiro con 7,3 millóns e Ono con 4,9 millóns. Detrás destas cifras, sinálase na dita web, agóchase un esforzo claro das grandes corporacións internacionais a prol dos dereitos pechados para sinalar a España ante a comunidade mundial xusto cando máis opcións se teñen contabilizado para que esta se converta en país amigo.

PUBLICIDADE