Trend Micro advirte: coidadiño coas redes sociais no traballo

venres, 18 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

A compañía de seguridade informática Trend Micro vén de dar a coñecer un estudo sobre os xeitos de relacionarse dos empregados coa Rede nos lugares de traballo. O informe, que como moitos outros da mesma índole están a un paso de non ofrecer nada novo, subministra un par de datos a ter en conta. Por exemplo: que o número de traballadores dos países máis conectados á Internet que visitan decote as redes sociais (na liña de MySpace ou Facebook, entre outras), lonxe de estancarse co paso do tempo (principalmente porque cada vez hai máis medidas nas empresas para evitar que os empregados visiten o que lles pete), non para de medrar.
Deste xeito, se en 2007 a taxa de persoal que empregaba as ditas web 2.0 era do 15%, este ano en curso situouse no 19%, e nada hai que indique un cambio de rumbo.
Segundo informa Trend Micro, isto non tería meirandes repercusións para empresa (alén dunha posible baixada na produtividade) senón fose por un pequeno detalle: os responsables de programas espía e ataques informáticos diversos soen empregar precisamente as devanditas redes sociais para tirar partido da súa condición interactiva e, asemade, do seu espallamento en centos de milleiros de ordenadores.
O estudo, feito sobre empresas de Alemaña, Reino Unido, EE UU e Xapón, tamén fai fincapé na necesidade de coller con pinzas outros recursos de participación como wikis e até blogs. Segundo o informe, o fluxo de códigos maliciosos chegado a través destes e outros servizos 2.0 tivo un volume de medre de máis de 1,5 millóns durante o pasado mes de xaneiro, en comparación co millón contabilizado un mes antes.
A pregunta que nos podemos facer é: como é posible recibir un ataque vía unha rede social? Pois para Trend Micro faise sobre todo deste xeito: a través de publicidade que se descarga e habilita arquivos e programas no computador. Ou tamén mediante códigos que encamiñen aos usuarios afectados a webs dende onde se trata de roubar información para posibles roubos ou espallamentos doutros códigos maliciosos.

PUBLICIDADE