Tredess amosará no salón NAB de Las Vegas a súa nova familia de transmisores

martes, 5 de abril do 2016 Redacción

A empresa de Santiago Tredess, filial de Televés especializada en solucións de telecomunicacións e na fabricación de equipamento de cobertura TDT, estará presente na edición 2016 do salón NAB (NAB Show) que xunta os vindeiros días en Las Vegas (do 16 ao 21 de abril) a boa parte do máis representativo a nivel mundial da industria das tecnoloxías e servizos para a radiodifusión. A feira, organizada pola Asociación Nacional de Radiodifusoras dos Estados Unidos, artellarase nun máis que completo programa de sesións educativas, seminarios e relatorios referenciais. En NAB, a firma galega presentará a nova gama Fourth Series de Media Potencia, unha familia de transmisores e gap-fillers de até 2 Kw en configuración simple (Single) e Dual Drive. Segundo informa Tredess, os equipos Fourth Series para redes DVB-T/T2 e ISDB-T integran alta eficiencia (Ultra Wide Band Doherty), flexibilidade, compacidade e gran simplicidade de instalación e operación.
A compañía galega, dende a súa caseta, levará a cabo demostracións en directo dos ditos transmisores e gap-fillers para expoñer polo miúdo os beneficios do que, en palabras da firma, é hoxe en día “o mellor cancelador de ecos do mercado”.
Esta nova familia de equipamentos foi deseñada por TRedess a partir da súa experiencia como fabricante especialista en extensión de cobertura de redes TDT. “As nosas solucións”, explica a empresa, “combinan a máis alta calidade e eficiencia, e é o noso obxectivo para NAB 2016 conseguir que os operadores de redes TDT coñezan os beneficios da Fourth Series de Baixa e Media potencia de Tredess”. E engaden: “Na nosa caseta tamén amosaremos a Compact Series: Solución TDT multicanle de TRedess amplamente coñecida e instalada polos principais operadores de redes de TDT en todo o mundo”.

PUBLICIDADE