Trasno dá a coñecer os acordos do seu festival de tradución ao galego de software libre

mércores, 2 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

O festival de tradución ao galego de software libre que se celebrou en outubro de 2010 na vila de Ordes (e que avanzamos nesta web) segue a ter repercusión, en boa medida a través das súas contribucións aos modelos de localización de programas á nosa lingua que están por vir, para os que asenta alicerces importantes. Segundo informan os voluntarios do Proxecto Trasno, responsable xunto con AC Inestable do dito festival Trasnada10, véñense de publicar os acordos terminolóxicos acadados neste evento. Ou sexa, as conclusións e resultados finais de debates que veñen de lonxe e que acadaron en Trasnada unha vía de resolución. Por exemplo, as vellas leas sobre os termos “window” ou “tab”.
Estes acordos, sinala Trasno, supoñen un gran avance na homoxeneización das traducións ao galego. Asemade, engaden, chegouse a un acordo sobre preto de outros quince termos, varios deles moi conflitivos. E conclúen: “Se cadra o máis importante sexa que o valor destes acordos é maior debido a que ademais de gran número de voluntarios do Proxecto Trasno tamén participaron nas discusións outras persoas interesadas e alleas ao proxecto”.

PUBLICIDADE