Trasno convoca un Premio aos mellores PFC de desenvolvemento de aplicativos libres para a localización

luns, 31 de outubro do 2011 Raquel Noya

A Asociación Proxecto Trasno, comunidade aberta de voluntarios que se dedican a localizar software ao galego dende a súa creación no 2000, vén de convocar a I edición dos seus Premios aos mellores PFC de desenvolvemento en aplicativos libres para a localización (l10n), que lle concederán aos mellores proxectos fin de carreira da nosa Comunidade baseados en software libre no eido da tradución.
Segundo informan na súa web, onde se achegan as bases do concurso, estes premios concederánselle ao mellor desenvolvemento, mellora ou implementación dun desenvolvemento en Software Libre no campo da tradución e a localización, ou o apoio lingüístico ao galego e incluso a outros idiomas.
O galardón, que concede 600 e 400 euros ao primeiro e segundo clasificados respectivamente, vai destinado a estudantes universitarios con proxectos de fin de carreira presentados durante os cursos académicos 2010-2011 ou 2011-2012, os cales poderán enviar as súas candidaturas ata o vindeiro 4 de novembro deste ano.
Coa concesión destes premios, Trasno pretende “incentivar o desenvolvemento de Software Libre orientado á creación e mellora de ferramentas para o apoio da tradución e localización entre os alumnos universitarios ou licenciados recentemente”.
Os proxectos deberán contar cunha implementación funcional publicada baixo licenza libre compatible coa GNU GPL segundo a FSF, e empregarán ineludibelmente tecnoloxías libres e estándares abertos.
Tamén poderán concorrer aos premios aqueles proxectos aínda non presentados, pero que conten cun anteproxecto e cunha implementación de software funcional.
Todos os interesados en participar neste premio deberán enviar un correo electrónico ao enderezo info@trasno.net con toda a información indicada nas bases do premio.
De entre todas as candidaturas recibidas, o xurado escollerá os dous gañadores en función dos criterios de calidade e orixinalidade, emprego de tecnoloxías libres e estándares abertos, e utilidade da ferramenta, entre outras cousas.

PUBLICIDADE