Tras recoñecer un fallo de seguridade anuncian o peche de Google+

luns, 8 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Google iniciou a primeiros de ano o Proxecto Stobe, a través do que revisan de xeito exhaustivo o acceso que teñen os desenvolvedores externos ás contas de Google e aos datos de dispositivos Android, analizando o funcionamento dos controis de privacidade, as plataformas nas que os usuarios non interactuaban coas API por preocupación coa privacidade, as áreas onde podería terse outorgado un acceso demasiado amplo aos desenvolvedores e outras áreas que, parecerían ir encamiñadas a evitar un escándalo como o de Facebook con Cambridge Analytica.
Toda esta investigación tería servido para descubrir que as API de Google+ terían erros que facilitaban o acceso aos campos de perfil que se compartían co usuario (pese a non estar marcados como públicos) como nome, enderezo de correo electrónico, ocupación, sexo e idade, tras o que procederon a solucionar o erro o pasado mes de marzo. Aínda que non teñen evidencias de que ninguén tivese aproveitado a vulnerabilidade, aseguran que só nas 2 semanas anterior a corrixir o erro poderían terse comprometido os datos de até 500.000 contas de Google+, e até 438 aplicacións puideron ter empregado a API insegura.
En vista deste problema de seguridade e ante a imposibilidade de determinar quen foron os usuarios afectados, en vez de anunciar publicamente o fallo de seguridade preferiron agochalo até agora, cando como reacción a este problema seguridade optaron por un camiño que probablemente deberían ter tomado hai varios anos: pechar Google+ para os consumidores.
O peche de Google+ terá lugar a finais de agosto de 2019, polo que agora artellarán mecanismos para que os usuarios poidan descargar e migrar os seus datos desta plataforma social que, pese a gozar de grandes bondades, non contou co apoio do público e rematou converténdose en todo un lastre que, ao non estar debidamente atendido, remata sendo unha fonte de problemas de seguridade.
Aparte do peche de Google+, hai outras medidas de seguridade que van tomarse nos vindeiros meses, como lanzar permisos de conta de Google máis granulares que se amosen en cadros de texto individuais (o que dará un maior control sobre a nosa información persoal e como a compartimos con aplicacións); tamén están a limitar os tipos de casos de uso que están permitidos cando se permita que unha aplicación acceda ao noso Gmail; e tamén se limitará a capacidade das aplicacións de recibir o rexistro de chamadas e os permisos de SMS nos dispositivos Android (de xeito que só a aplicación seleccionada de xeito predeterminado para realizar chamadas de voz ou mensaxes de texto poderá acceder á información mencionada, con algunhas excepcións moi específicas).
En definitiva, que Google está a establecer un escenario no que os datos dos usuarios estean máis seguros e nos que o usuario poida controlar mellor os usos que permite da súa información persoal.

PUBLICIDADE