Tráfico anuncia que a partir de novembro os galegos poderán matricular vehículos por Internet

luns, 29 de outubro do 2007 Raquel Noya

A partires do vindeiro mes de novembro os galegos e galegas que poidan adquirir un vehículo novo poderán matriculalo a través de Internet e rematar con toda a tramitación (que actualmente leva varios días) en menos de cinco horas. Grazas a un convenio de colaboración entre os xestores administrativos e a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) será posible (dende 2008) realizar tódalas operacións precisas para solicitar o permiso municipal, pagar os impostos ante Facenda e tramitar o expediente ante a DXT por vía telemática, obtendo a matriculación do vehículo de xeito case inmediato e ademais aforrando moito papel.
Segundo afirmou o presidente do Consello Xeral de Colexios de Xestores Administrativos de España, José Mateo Ruíz, “este servizo desenvolverase inicialmente en toda Galicia a partires do vindeiro mes de novembro e posteriormente levarase a cabo de xeito progresivo no resto das comunidades (excepto Cataluña, onde xa está a funcionar)”.
Os cidadáns que operen a través de Internet tamén poderán realizar outras xestións como a renovación das autorizacións de circulación ou a anotación no Rexistro de Vehículos de calquera obriga referente ós mesmos.

PUBLICIDADE