Traducións de sobresaínte no IV Fiadeiro de localización de software libre ao galego

mércores, 6 de xuño do 2012 Raquel Noya

Unha aplicación en liña para subtitular vídeos, un editor de html e páxinas web, e a axuda en liña dun programa ofimático, foron as ferramentas baseadas en software libre que os asistentes ao IV Open ETSE tiveron que traducir á nosa lingua para facerse co premio Máis e mellor, que concedía a organización.
En oito horas de traballo, os voluntarios traduciron ao galego a aplicación Universal Subtitles, o editor BlueGriffon (herdeiro da familia de editores de Mozilla) e boa parte da axuda en liña do Impress de Libre Office, que segundo informan no Cartafol Dixital da USC, “axiña habemos velos completados”.
Logo das sesións formativas que lles impartiu o persoal de Trasno, dedicado a adaptar á lingua galega o sistema GNU/Linux e o software libre en xeral, os asistentes a este último fiadeiro puideron empregar as ferramentas axeitadas para a tarefa encomendada, e nunha soa xornada traduciron as plataformas en liña “cun bo nivel de calidade”, segundo os formadores.
En concreto contaron co apoio e as explicacións de Antón Méixome e Enrique Estévez, técnicos de Trasno, que os acompañaron durante toda a sesión atendendo as súas dúbidas e axudando a resolver os atrancos.
Avaliacións, diplomas e premio
Logo do proceso de revisión e avaliación das traducións realizadas, os organizadores do IV Open ETSE decidiron concederlle o premio Máis e mellor ás alumnas Marta Álvarez Pena, de Xornalismo, e a Marta Piñeiro Peón, de Matemáticas, que recibirán cadanseus diplomas acreditativos e o importe económico correspondente ao traballo realizado, é dicir, 369,40 euros.
A organización, que cuantifica a totalidade das traducións efectuadas en máis de 1.200 euros, tamén lle outorgará un crédito de libre configuración a tódolos participantes, que a maiores recibirán un diploma acreditativo e a súa inclusión a título persoal nos créditos propios da versión localizada.

PUBLICIDADE