Traballo promove a creación de empresas tecnolóxicas como froito da investigación galega

venres, 17 de setembro do 2010 Redacción

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, asinou hoxe cos reitores das universidades de Santiago, Juan José Casares Long; de Vigo, Salustiano Mato de la Iglesia; da Coruña, José María Barja Pérez; e co presidente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Rafael Rodrigo Montero o convenio do programa Empresa-Concepto que busca impulsar a transferencia dos coñecementos do ámbito investigador á sociedade, para o que a Consellería de Traballo e Benestar achega un total de 250.000 euros en axudas e recursos para que os grupos de investigadores galegos constitúan empresas de base tecnolóxica cos resultados do seu traballo.
O obxectivo principal deste acordo é fomentar e apoiar o emprendemento desde o eido académico e investigador, ao dinamizar o traballo dos grupos de investigadores de modo que se posibilite a creación de empresas de base tecnolóxica, pois en palabras de Beatriz Mato «non podemos deixar que as boas ideas que crean non teñan cabida no mercado galego», polo que «esta porta aberta para materializar as súas iniciativas» porá a disposición dos investigadores unha serie de recursos que lles facilitarán a posta en marcha dun negocio. Deste xeito, contarán co asesoramento de promotores tecnolóxicos, que desenvolverán este programa en cada un dos grupos de investigación.
O orzamento do programa tamén contempla financiamento para aqueles traballos de consultoría ou calquera outro proceso de avaliación de viabilidade que sexa preciso para a posta en funcionamento das empresas.
O convenio que se asinou hoxe ten unha vixencia de dous anos. A previsión, segundo detallou Mato, é que durante este tempo se analice a viabilidade dos proxectos de 20 grupos de investigación. Terase en conta as súas posibilidades de constituírse en empresa de base tecnolóxica e a súa incidencia na xeración de emprego.
Os resultados que se produzan sumaranse os xa acadados desde 2004, ano no que comezou a funcionar o programa Empresa-Concepto. Durante este tempo, avaliáronse preto de 60 proxectos e constituíronse, ao seu abeiro, un total de 36 empresas subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar.


Declaracións de Beatriz Mato tras a sinatura do convenio

PUBLICIDADE