Traballo presenta unha ferramenta dixital que mellora a calidade das solicitudes de axudas

mércores, 14 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

A Consellería de Traballo vén de presentar unha ferramenta en liña para poñerlles aos cidadáns as cousas máis doadas en materia de relación e comunicación con eles. Concretamente, trátase dunha iniciativa encamiñada a favorecer a cumprimentación de solicitudes para acceder ás liñas de subvencións dos programas da Consellería. A aplicación, que se encadra dentro da política de dixitalización dos procesos administrativos seguida nos últimos tempos polo departamento que dirixe Ricardo Varela, constitúe o chanzo previo á posibilidade de presentar as solicitudes a distancia co único requisito de achegar sinatura electrónica, segundo explicou a Consellería.
Ou sexa, que a concorrencia desta aplicación non vai ceibar ós cidadáns da presenza do papel (as peticións teñen que ir aínda neste formato) pero si que asegura un mínimo número de erros e de repetición de datos.
Outra das principais vantaxes desta ferramenta, amais da devandita de mellorar a calidade da solicitude, reside na redución dos tempos de tramitación, “pois ademais de aumentar a calidade das solicitudes, aforra o paso de mecanización das mesmas por parte dos funcionarios encargados da tramitación”, informou a Consellería.
Polo de agora, engade o departamento da Xunta, os usuarios poden empregar esta ferramenta para formalizar a solicitude de axudas ao fomento da contratación inicial de mozos desempregados. Nos vindeiros días, tamén será posible presentar as solicitudes dirixidas a fomentar a transformación de contratos temporais en indefinidos e as axudas correspondentes ao programa de emprego autónomo.
Ao longo de 2008 Consellería de Traballo incluirá neste sistema as liñas de axuda nas que se detecte un maior volume de solicitudes ou aquelas que presenten unha especial complexidade de cumprimentación, sinalou.
Sinalar que os internautas que queiran usar a ferramenta deberán acceder ó espazo en liña do dito departamento e máis concretamente ao apartado de axudas (na imaxe).

PUBLICIDADE