Traballo contribúe este ano con medio millón de euros para fomentar o traballo en empresas de base tecnolóxica

luns, 12 de novembro do 2012 Redacción

A Dirección Xeral de Promoción de Emprego, destinou en 2012 un orzamento de 500.000 euros para a creación de 30 postos de traballo de base tecnolóxica, a través das políticas activas de emprego, que veñen promovendo a introdución da innovación no ámbito empresarial, apoiando a contratación de persoal especializado, así como estimulando a iniciativa emprendedora mediante programas de apoio as iniciativas de emprego innovadoras (IEBTS).
As iniciativas de emprego de base tecnolóxica teñen a súa orixe nos obxectivos estratéxicos da Unión Europea de conxugar a cultura de innovación e de empresa, pero, neste caso, cun enfoque dirixido, preferentemente, ao colectivo de investigadores e titulados universitarios de calquera área do coñecemento. Deste xeito dáse un decidido pulo ao desenvolvemento de proxectos empresariais cunha clara orientación científica e tecnolóxica, con perspectivas de negocio e, polo tanto, susceptibles de transformarse en empresa e de crear postos de traballo directo de alto nivel.
As destinatarias deste programa son as iniciativas de pequena dimensión que albergan un gran potencial de creación de emprego, de modo que os proxectos deste segmento poidan ter acceso ás mesmas prestacións institucionais das que xa dispoñen outras de maior tamaño.
Para que un proxecto poida ser cualificado como IEBTS debe de ter unha viabilidade técnica, económica, financeira e comercial, carácter innovador e contido científico e ou tecnolóxico. Ademais o cadro de persoal inicial previsto debe ser inferior a 50 traballadores, debe ter un mínimo dun titulado universitario por cada catro traballadores e crear emprego estable para persoas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego.
No presente ano 24 empresas xa cualificadas como IEBTS accederon ás axudas deste programa pola creación de emprego estable, tanto dos promotores como das persoas traballadoras da empresa; á subsidiación dos xuros dos préstamos que foron necesarios para o financiamento dos investimentos en activos fixos; a unha axuda pola contratación de expertos técnicos de alta cualificación; e á subvención para financiar os gastos necesarios para a posta en marcha da IEBT.

PUBLICIDADE