Traballadores de Telefónica de 24 países achegan o ombreiro este venres no Día do Voluntario da operadora

venres, 5 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

Hoxe venres 5 de outubro é o día do compromiso social de Telefónica. O que non quita, sinalan fontes da multinacional española, que o resto do ano non se poñan en marcha accións sen arela de lucro, con ben social. Pero a xornada de hoxe é especial para os empregados da empresa, repartidos en 24 países: xuntas e xuntos, até 12.000 empregadas/os, participan no Día Internacional do Voluntario Telefónica, un evento organizado pola operadora co obxectivo de “construír un mundo mellor”.
Polo que atinxe a España, falamos de 1.500 persoas traballando nalgunha das actividades organizadas pola Fundación Telefónica nas 17 comunidades e tocando os máis diversos temas relacionados cun futuro máis xusto ou sostible: medio ambiente, diversidade funciona, apoio ás persoas en risco de exclusión, etc.
Na nosa terra, a tal hora estanse a desenvolver tres accións destinadas a persoas con síndrome de Down e demencia na Coruña, Pontevedra e Vigo, coa colaboración das Asociacións de Down das devanditas cidades (incluíndose encontros, excursións e xogos). En Latinoamérica, boa parte do que se está a realizar ten que ver co traballo na nenez (a través de Proniño) e buscando conxuntamente medidas para rematar con esta lacra. Tamén se desenvolven accións de coidado e sensibilización acerca do medio ambiente, diversidade funcional e mellora das infraestruturas en institucións sociais e educativas. Polo que atinxe a Europa, hai eventos en Reino Unido, Alemaña e Europa do Este, canalizándose sobre todo a través do proxecto Think Big, tamén de Fundación Telefónica, dirixido a materializar o amplo potencial de axuda desinteresada da mocidade. Por certo que tamén se están a rexistrar accións en Estados Unidos, Porto Rico, Costa Rica, China e India.

PUBLICIDADE